[ Axuda ]
Da compra á túa web
Todo o que pasa despois de escoller un plugin: o pagamento, a clave de licenza, a descarga, a activación, as actualizacións e a renovación.
[ Paso a paso ]
Catro pasos e o plugin está a traballar
Escolle o plan e paga
Na ficha do plugin escolles o plan e a modalidade. «Mercar licenza» abre o pagamento seguro con ese plan xa escollido.
Recibe a túa clave
Coa compra créase a túa conta co correo que indicaches. A clave de licenza chégache por correo e está tamén en As miñas licenzas.
Instala e activa
Descarga o plugin en As miñas licenzas, súbeo en Plugins > Engadir novo e actívao. Despois pega a clave na súa páxina de licenza, no menú Ferramentas.
Recibe as actualizacións
Coa licenza activa, as versións novas chegan como calquera actualización de WordPress. O que cambia en cada unha publícase na ficha do plugin.
[ A túa conta ]
Todo en As miñas licenzas
Entra co usuario e o contrasinal que recibiches por correo ao mercar. Desde aí xestionas cada licenza sen ter que escribirnos.
- Ver cada licenza coa súa clave, o seu plan e a súa data de caducidade.
- Descargar a última versión de cada plugin.
- Ver en que dominios está activa e cambiar o dominio dunha licenza.
- Renovar unha licenza: prolóngase a mesma, coa mesma clave.
- Cancelar unha subscrición: a licenza segue activa ata o final do período pagado.
[ Preguntas frecuentes ]
O que máis nos preguntan
Se o teu caso non está aquí, escríbenos co correo da compra e o nome do plugin.
Non me chegou o correo coa clave
Revisa o cartafol de correo non desexado. A clave está sempre en As miñas licenzas, co usuario que se creou co correo da compra. Se tampouco aparece aí, escríbenos.
Onde introduzo a clave na miña web?
No escritorio de WordPress, no menú Ferramentas, cada plugin ten a súa páxina de licenza. Pega a clave e preme activar: o dominio queda rexistrado na túa conta.
Como cambio a web onde uso a licenza?
En As miñas licenzas, con «Cambiar Dominio». Tamén podes desactivar a licenza na páxina de licenza do plugin da web antiga e activala na nova.
Que pasa cando caduca a licenza?
Tes tres días de graza para renovala. Pasado ese prazo, o plugin avísate de que a licenza caducou, deixa de recibir actualizacións e pídeche renovala para seguir usando todas as súas funcións. Ao renovar mantés a mesma clave.
As subscricións renóvanse soas?
Si. Os plans mensuais e anuais páganse como subscrición e en As miñas licenzas ves a data do próximo pagamento. Podes cancelala cando queiras: a licenza segue activa ata o final do período pagado.
Como funcionan os packs?
Unha compra dáche unha licenza para cada plugin do pack, todas co mesmo plan. Renóvanse xuntas: ao renovar o pack, todos os seus plugins seguen recibindo actualizacións.
Algo non funciona na miña web
Mira primeiro a documentación na ficha do plugin, cando a ten. Se o problema segue, escríbenos co enderezo da túa web, a versión do plugin e o que ocorre.
[ Falemos ]
Segues con dúbidas?
Escríbenos e respóndeche a persoa que desenvolve o plugin.