- Cambiar de provedor é perfectamente factible se se planifica ben. Non é tan fero o lobo como o pintan.
- Hai unha orde de pasos que minimiza os riscos. Saltar un pode saír caro.
- A preparación importa máis ca a execución. As présas son o erro máis común.
O medo ao cambio
“Queremos cambiar de axencia, pero dános medo perder todo o feito”. Oímolo case todas as semanas, e é unha preocupación lexítima: a web é un activo crítico.
A boa nova é que cambiar de provedor é unha operación habitual para calquera axencia seria. Ben planificada, o risco é baixo e o tempo sen servizo redúcese a minutos, ou mesmo a cero.
Antes de nada, aclara que estás a cambiar: de axencia (quen mantén a web), de aloxamento (onde está a web) ou as 2 cousas á vez, que é o caso máis delicado e o que cobre esta guía. Se aínda dubidas, quizais che sirva ler antes como saber se a túa axencia actual che está servindo ben. Se xa o tes decidido, estes son os 15 pasos para unha transición segura.
Fase 1: Preparación (antes de anunciar o cambio)
1. Fai un inventario completo dos teus activos
Antes de mover un dedo, responde: que tes exactamente?
- Todos os accesos: aloxamento, dominio, CMS, FTP, correo, base de datos e DNS.
- Unha copia completa da web actual (arquivos e base de datos).
- A listaxe de contas de correo, alias e redireccións.
- As integracións: CRM, email márketing, analítica e pasarela de pagamento.
- As licenzas de plugins e servizos de pagamento, e a nome de quen están.
- A listaxe de usuarios administradores.
As licenzas son un clásico: moitos plugins premium están contratados a nome da axencia saínte e, cando esta marcha, deixan de chegar as actualizacións.
2. Verifica a propiedade do dominio
O dominio debe estar ao teu nome no rexistrador. Se figura a nome do provedor anterior, pide o cambio de titularidade antes de calquera outra cousa. Non é negociable.
Se ademais cambias de rexistrador, necesitarás o dominio desbloqueado e o código de autorización (authcode), e o proceso pode tardar varios días. Comproba tamén que o correo de contacto do titular é teu: recibe os avisos de renovación.
3. Fai unha copia de seguranza completa e verifícaa
Copia arquivos, base de datos, correos e configuracións. Despois, restáuraa nun contorno local ou de probas. Se non a probaches, non existe.
4. Escolle o novo provedor e pecha o briefing
Contrato asinado, alcance definido e prazos acordados. Inclúe que pasa co código, os accesos e os datos se algún día a relación remata; explicámolo en cláusulas técnicas que o teu contrato de desenvolvemento debería incluír.
Como pedirlle as cousas ao provedor saínte
O ideal é ter accesos e copias antes de comunicar o cambio. Se non é posible, pídeo todo por escrito e nun único correo: accesos de administrador (aloxamento, CMS, base de datos e DNS), o código de autorización do dominio se o xestiona el, unha copia completa e recente, o acceso ao repositorio de código se existe e as credenciais de servizos externos.
Respecta o preaviso que marque o teu contrato, deixa as facturas ao día e mantén un ton profesional. A maioría colabora sen problemas cando a petición é clara e está por escrito.
Fase 2: Premigración (co novo provedor)
5. Prepara o contorno no novo aloxamento
O novo provedor prepara o servidor: versións compatibles de PHP e de base de datos, certificado SSL e copias de seguranza automáticas.
6. Migra os contidos en fase de proba
A web cópiase ao novo servidor sen facela pública aínda, por exemplo nun subdominio de probas. Toca comprobar: vense ben as páxinas?, os formularios envían?, o proceso de compra chega ata o final?
Se a estrutura de URL vai cambiar, prepara agora as redireccións 301 dos enderezos antigos aos novos. Sen elas perderás posicións en Google.
7. Configura o correo e as redireccións
Crea as contas de correo no novo servidor e, se fai falta, migra o histórico. Ollo: se o teu correo está en Google Workspace ou Microsoft 365, non se move coa web. Abonda con copiar tal cal os seus rexistros DNS (MX, SPF e DKIM).
8. Deixa listo o plan de cambio de DNS
Define que rexistros cambian, a que apuntan e canto tardarán en propagarse. Un truco sinxelo: entre 24 e 48 horas antes, baixa o TTL deses rexistros a 300 segundos (5 minutos). Así, o día do cambio, a propagación será moito máis rápida.
Fase 3: O cambio (día da migración)
9. Conxela os cambios na web antiga
Avisa o equipo: nada de publicar contido nin tocar a configuración durante a migración. Escolle un momento de pouco tráfico.
10. Copia final e migración definitiva
Fai unha última copia e leva ao novo servidor os cambios recentes (pedidos, formularios, usuarios novos). Verificación final: todo ten que funcionar.
11. Cambio de DNS
É o punto de non retorno, ou case: cambia os DNS do dominio para que apunten ao novo servidor. Mentres o antigo siga activo tes un plan B, porque se algo falla de forma grave podes volver apuntar a el.
12. Monitorización intensiva
Durante as primeiras 24 a 48 horas, vixía que todo funcione, que cheguen os correos e que a web cargue ben desde distintas redes.
Fase 4: Despois da migración
13. Verificación completa
Comproba formularios, reservas, pagamentos, correos, analítica e integracións. Revisa tamén Google Search Console durante as semanas seguintes por se aparecen erros de rastrexo ou páxinas non atopadas.
Un despiste frecuente: publicar coa caixa de WordPress que desaconsella aos motores de busca indexar o sitio aínda marcada desde o contorno de probas. Desmárcase en 1 segundo, pero esquecelo pode custarche semanas de visibilidade.
14. Cancela os servizos antigos (con calma)
Non canceles nada de inmediato. Agarda 1 ou 2 semanas e confirma que todo está estable. Antes de dar de baixa o aloxamento antigo, garda unha última copia completa.
15. Actualiza a documentación e os accesos
Garda os novos accesos nun lugar seguro, documenta a configuración e aproveita para cambiar os contrasinais que coñecía o provedor anterior e eliminar os seus usuarios de administrador.
Lista de verificación da migración
- Inventario completo de activos e accesos
- Copia de seguranza verificada e funcional
- Dominio a nome do cliente
- Licenzas de plugins e servizos ao teu nome
- Novo provedor preparado
- Web migrada e probada no novo servidor
- Redireccións 301 preparadas se cambian os URL
- Correo configurado e probado
- Plan de cambio de DNS preparado e TTL reducido
- Data de migración acordada (con pouco tráfico)
- Monitorización posterior á migración planificada
- Plan de volta atrás (rollback) se algo falla
Conclusión
Cambiar de provedor web non ten por que ser traumático. É unha operación técnica habitual.
A clave está na preparación: saber que tes, ter copias verificadas e seguir unha orde lóxica. Se fas ben a Fase 1, o resto é case mecánico.
En Baqueiro planificamos as migracións con copia verificada, contorno de probas e plan de volta atrás, para que os teus clientes nin noten o cambio. Se estás a pensar en cambiar de provedor e queres axuda coa planificación, cóntanos o teu caso.